Chámome Raquel Rodríguez e hai un tempo que, dadas as expectativas laborais, decidín reciclarme cara o mundo do Marketing Dixital e das Redes Sociais. Durante ese período de formación xurdiu a idea do que hoxe é Recunchiños na Galiza, un espazo onde poder por en práctica o que fora aprendendo e que aunara, ao mesmo tempo, grande parte dos meus intereses: o sendeirismo, a fotografía, o patrimonio e por suposto Galiza.

Nese momento, coitada de min, pensaba que coñecía ben o noso país e que existía unha Galiza máis alá da Praia das Catedrais ou de Combarro (con todo o meu respecto a estes lugares). O que non sabía era o moito que me restaba por coñecer, a cantidade de recunchiños que podemos atopar ao longo da nosa xeografía e que pouco a pouco fun coñecendo e todos os que me restan por coñecer.

A comunidade que se foi creando a través de Facebook fixo que isto tivera máis sentido. Algunhas das entradas e fotos que aquí atoparedes son aportacións desta comunidade, da que me gustaría te sentises parte.

Coñecer o noso é o primeiro paso para amar o noso e por suposto respectalo. Por iso tento, dende esta páxina, dar a coñecer o que nos imos atopando no camiño.

Neste camiño tamén atopei a Adriana Pérez, deseñadora gráfica e web, e xuntas nos embarcamos no proxecto Redeiras.net, desde o que armamos esta páxina web, e co que pretendemos sumar os nosos coñecementos e experiencia profesional no eido da comunicación visual e das plataformas dixitais, unha sinerxia coa que procuramos unha saída laboral na que desenvolver o que mellor e máis nos gusta facer.

Agardo que desfrutes da túa viaxe polos Recunchiños na Galiza e que aportes todo o que queiras e así ir aprendendo, desfrutando e descubrindo todos xuntos.